domingo, 1 de abril de 2018

FILOCAFÉ NO CGAC





Un ano máis, o primeiro domingo de cada mes ás 18:30 h, desde outubro ata xuño (agás no mes de xaneiro), o CGAC organiza un filocafé na súa cafetaría. Este ano a Asociación Galega da Crítica unirase aos filocafés no CGAC.

Os filocafés son conversas públicas enfocadas desde un punto de vista filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera área ou nivel de coñecemento.

As sesións estarán dirixidas por profesionais de diversas disciplinas como Quico Cadaval (dramaturgo, actor, monologuista), Arturo Casas (poeta e profesor de Teoría da Literatura e Literatura comparada), Beatriz Busto Miramontes (antropóloga, etnomusicóloga), Inma López Silva (escritora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática), Javier María López Rodríguez (musicólogo, compositor, músico e profesor), Eduard Velasco (libreiro, filólogo, tradutor e poeta) e Xosé Manuel Buxán Bran (crítico de arte, comisario e profesor na Facultade de Belas Artes de Pontevedra).

Unha vez ao mes, retiraremos unha obra de arte da Colección CGAC dos nosos almacéns para que nos acompañe e propicie un debate ao seu redor. A peza elixida empregarase como punto de partida para a conversa; pero non imos falar de arte, ou non só de arte, senón de calquera cuestión que suxira a obra a nivel temático, conceptual, formal ou anecdótico. Poderase falar de ciencia, gastronomía, política, música, filosofía, cine, estética, actualidade..., cousas mundanas ou elevadas, de xeito que todas as persoas que o desexen poidan opinar e achegar as súas reflexións sobre os temas que vaian xurdindo de xeito espontáneo mentres gozan dun café.
 
Os programas próximos estarán dirixidos por:
 
8 de abril. Javier María López Rodríguez

Javier María López Rodríguez (Lugo, 1969). É musicólogo, compositor, músico e profesor. Integrante de agrupacións relacionadas coa improvisación como O.M.E.GA ou TDC, foi alumno de composición de José Luis de Delás, e as súas obras foron estreadas por formacións como a Real Filharmonía de Galicia, Taller Atlántico Contemporáneo ou Grupo Instrumental Siglo XX. Ademais de compor músicas para diferentes obras escénicas participou en festivais internacionais como Temp’ora ou Mixtur, publicou Breve Historia de la Música (Nowtilus, 2011) e Del colapso tonal al arte sonoro (Punto de Vista), así como diferentes artigos sobre pedagoxía musical e
musicoloxía en revistas como Música y Educación ou Anatomía de la Historia. Impartiu cursos, relatorios e concertos didácticos. Conta con galardóns como o segundo premio de composición do concurso convocado polo Gruppo Europeo Ricerca Musicale Indipendente, e foi finalista da novena edición do concurso internacional de composición Città di Udine e do Counterpoint-Italy’s en 2014. É profesor titular das especialidades de Historia da Música en conservatorio e de Música en ensino secundario, aínda que o máis lle preocupa realmente é que en Galicia cada vez hai menos nenos e nenas.

6 de maio. Eduard Velasco

Eduard Velasco (Barcelona, 1982). É licenciado en Filoloxía catalá e Filoloxía galega. Foi profesor de catalán en Barcelona, Menorca, Santiago de Compostela e Lisboa. Publicou artigos de divulgación sobre cultura catalá en Galicia e sobre cultura galega nos Países Cataláns. Traduciu literatura entre as dúas linguas: ao galego, as novelas Pa negre (Pan negro, FVR), de Emili Teixidor; Els sots feréstecs (As valgadas bravas, Hugin e Munin), de Raimon Casellas; e Paraules d’Opòton el Vell (Palabras de Opoton o Vello), de Avel.lí Artís Gener; ao catalán, tres pezas de Vicente Risco: os relatos Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, Os europeos en Abrantes e mais a novela O porco de pé (El porc dempeus). Ten publicados dous poemarios en Espiral Maior: Ruído de trens (Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé) e O filósofo coxo (Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro). Desde xuño de 2016 é codirector, xunto a Alicia Fernández, da libraría especializada en poesía Chan da Pólvora, na rúa de San Pedro de Santiago de Compostela.

3 de xuño. Xosé Manuel Buxán Bran
 
Xosé M. Buxán Bran (Eibar, Guipúscoa, 1964). Doutorouse en Belas Artes pola Universidade do País Vasco cunha tese titulada “Homoerotismo en la iconografía de San Sebastián Mártir: una visión desde el presente”, conta cun percorrido investigador e científico intimamente ligado ás conexións entre arte e cultura queer, identidade sexual, xénero, feminismo e masculinidades, con varios volumes publicados ao respecto e un vasto número de artigos e ensaios editados en numerosas obras colectivas. Como curador e xestor de espazos expositivos, dirixiu primeiro a Sala X, Sala de Exposicións do Campus de Pontevedra e logo a Sala Alterarte do Campus de Ourense, onde programa na actualidade o proxecto Estado Crítico 3: 10 comisari*s, 10 artistas.
Foi crítico de arte en diversos medios de comunicación, e froito desta actividade publicou un primeiro volumerecompilatorio dos seus traballos xornalísticos titulado Desprazamentos: a viaxe como unha das Belas Artes (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2014). O seu último libro publicado, Bellos y desconocidos (Laertes, 2015), aborda a temática da fotografía atopada.


Vos mostramos unhas fotos do último filocafé dirixido  por Inma López Silva o pasado domingo 4 de marzo.




 

No hay comentarios:

Publicar un comentario