viernes, 4 de junio de 2021

ACUARELAS NO CAMIÑO

 


Exposición:

O CAMIÑO ILUSTRADO


Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla en Santiago de Compostela



Aicia Aradilla





Celebra o ano Xacobeo cunha luminosa e orixinal exposición das acuarelas realizadas pola moza ilustradora  Alicia Aradilla  que, con máis de cen mil seguidores en Instagram, é famosa polos seus cadernos de viaxe que comparte en RRSS. Nesta ocasión aborda o Camiño de Santiago, unha peregrinaxe pola arte, os lugares e as persoas que o conforman.

 

A nova mostra «O Camiño ilustrado. Unha viaxe pintada por Alicia Aradilla» recolle 60 acuarelas realizadas pola recoñecida ilustradora e autora de cadernos de viaxe, que abordan o camiño cunha mirada nova, fresca e luminosa. Articulada en tres seccións fundamentais ―«O Camiño», «Camiñantes» e «Compostela. A cidade e o seu patrón»―, e con textos explicativos do doutor en Historia e experto medievalista Feliciano Novoa, a exposición compleméntase cunha sección dedicada ao movemento urban sketch (debuxo da contorna natural e cotiá a través de cidades, camiños e viaxes) do que Alicia Aradilla é unha referente internacional.




Esta exposición, orixinada a partir da publicación El camino ilustrado de Editorial Planeta, trasladará ao público as distintas cidades monumentais que atravesa o Camiño de Santiago. Navarra, Burgos ou León, por exemplo, e a súa fauna e flora, conviven nunha mostra que homenaxea tanto o patrimonio cultural coma o natural dun roteiro descrito como de conformación da esencia europea. É o Camiño de Santiago a senda de peregrinación con maior antigüidade e tránsito de toda Europa. Son centos de anos cativando todas as persoas que se animan a descubrilo e vivilo, o que explica que sexan moitos os e as artistas atraídas por el, e que o converteron en fonte de inspiración e temática da súa obra.


Como explica Feliciano Novoa, tradicionalmente entendeuse o Camiño como unha fonte de intercambio cultural, e este é un aspecto especialmente interesante no caso de Alicia Aradilla, porque as súas viaxes tamén se alimentan dese rico intercambio cultural que acontece cando se atravesan as fronteiras propias. Na mostra dedícase unha sección para entender o vínculo entre a viaxe e a creación, que no caso de Aradilla é tan notorio. Hai tamén exposto material orixinal da autora, como un caderno de viaxe, ou pinceis e acuarelas que adoita levar na súa mochila cando viaxa. Tamén documentación audiovisual (fotografía e proxeccións) que mostra como a súa paixón polas acuarelas e a viaxe a levaron a outras partes de España e do mundo.



 

ALICIA ARADILLA




En 2017 deixou a súa carreira para percorrer case 20 países durante un ano e poder recoller a súa experiencia en acuarelas. Froito deste periplo, realizou máis de 700 ilustracións nos seus cadernos de viaxe, que foi mostrando nas súas RRSS, onde actualmente ten máis de 125 000 seguidores.

Considerada unha auténtica referencia no seu campo, comezou no mundo do urban sketch (debuxo na contorna urbana) en 2016, gañándose enseguida o recoñecemento da crítica e público, e convertendo desde entón a acuarela e a tinta no seu medio para captar experiencias e plasmalas en papel. Deste xeito, cada debuxo imprégnase dunha historia, un concepto que entusiasma tanto a quen viaxan como a artistas. Alicia Aradilla percorre os recunchos de distintos países cunha caixa de acuarelas na mochila, deténdose a retratar paisaxes no seu caderno.

Ademais de Instagram, onde tamén sobe Stories nas que resolve dúbidas aos seus seguidores, ou ben making of da súa publicación diaria, a ilustradora condensa todas as experiencias na súa propia canle de Youtube.

 




No hay comentarios:

Publicar un comentario