lunes, 2 de octubre de 2023

AFUNDACIÓN FERROL

 


Exposición SOÑO DE NAVEGANTE. Colección de arte cubano contemporáneo Luciano Méndez Sánchez, en Ferrol



A partir da revisión dos fondos da Colección de Arte Cubano Contemporáneo Luciano Méndez Sánchez, a exposición Soño de Navegante convida a realizar un percorrido pola arte cubana contemporánea do últimos cincuenta anos; transitando por diferentes temáticas, estilos, soportes e autores que se converteron en imprescindibles dentro do escenario plástico da Illa. A diversidade e riqueza nesta Colección tradúcense na pluralidade coa que se relata a historia pasada e presente: a través da esencia das raíces, da revisitación do “eu”, do soño, e da propia viaxe que supón a identidade. Desde o 21 de setembro e ata o 5 de xaneiro de 2024, visítaa na Sede Afundación Ferrol.

Comisarias | YADIRA DE ARMAS e ANA GABRIELA BALLATE

Esta exposición enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación en prol de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Accede e colabora doando algún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local.

Entra aquí e infórmate polo miúdo.

 

Sen evocar unha cronoloxía precisa, Sueño de Navegante discorre entón por unha serie de pezas, memorias e viaxes imaxinadas, onde se reconstrúe a historia visual e cultural dunha nación narrada na voz dos seus propios artistas. Propón unha mirada sobre a cubanidade xunto a unha visión máis introspectiva e mística, vinculada ao que somos, de onde vimos e cara a onde imos. É así, como descubríndonos nese soño e nesa viaxe, na procura das raíces, é posible desvelar na mostra, desde a narración e o parafraseo visual, lazos con Galicia, esoutra terra de onde navegantes, migrantes, soñadores, partiron cara á illa de Cuba e deixaron -tanto como se permearon no mapa social, cultural e antropolóxico-, parte da súa pegada en 500 anos de historia que comprenden un cúmulo insospeitado de legados a ambos os dous lados do océano.

 

ARTISTAS

Roberto Diago / Santiago Rodríguez Olazábal /José Bedia / Pedro Pablo Oliva / Manuel Mendive / Carlos Quintana / Alfredo Sosabravo / Moisés Finalé / Roberto Fabelo / Pedro Pablo Oliva / Ernesto Rancaño / Carlos Otero e Ira Kononenko / Alexis Leyva Machado / Luis Enrique Camejo / Alejandro Gómez Cangas / Juan Carlos Pérez Balseiro / Niels Reyes / Daniela Águila / Gabriel Sánchez Toledo / Rafael Pérez Alonso / Jorge Otero / Vicente Hernández

 

A EXPOSICIÓN

Entrelazadas por unha historia común, un tronco orixinario do cal, mesturado con outras raíces xurdiron pólas de singularidade excepcional, a cultura cubana e a española posúen numerosos elementos en común. A idiosincrasia, moitas das tradicións, vocábulos, refráns e maneiras de ver a vida, son o froito do fluxo constante entre unha terra e a outra, que durante séculos, fraguou a relación entre estes dous países.


Entre Cuba e Galicia os lazos son igual de estreitos. Chegando a ser A Habana a segunda cidade co maior índice de galegas e galegos fóra de España a principios do século XX; tendo orixe o himno de Galicia na Habana; e confeccionándose a primeira bandeira galega en Cuba; a relación entre ambos os escenarios é innegable. Desta maneira, explícase que unha colección de arte cubana, entretecida pola man dun coleccionista español -Luciano Méndez Sánchez-, poida contar entre os seus pasos coa presenza en chan galego.


A arte cubana responde ao seu contexto, en igual sentido que a arte contemporánea cubana o fai á súa época. Con todo, as influencias das que bebe son palpables, e desde Goya ata Picasso, desde o mito africano ata a herdanza hispana, poden ser prezados en cada unha das súas obras. Artistas cubanos e españois tiveron como influencia semellantes referentes que logo evolucionaron ata xerar o seu propio discurso. Como exemplo basta subliñar que o Museo Nacional de Belas Artes de Cuba posúe, hoxe en día, a mellor colección de pintura do século XIX español fóra das nosas fronteiras.


Artistas españois de toda índole viaxaron a terras cubanas para poder entender e comprender todo o seu traballo, pero non só os artistas plásticos senón tamén literatos, bailaríns, músicos, intelectuais... Comprender a arte cubana resulta case imposible entón sen ter en conta a súa orixe e o constante regreso ás raíces tricontinentais de Europa, África e Latinoamérica. Produto dos innumerables préstamos que nestas viaxes se xeraron, configurouse, cos anos, a identidade da arte da Illa. O resultado final, enunciando ao gran Fernando Ortiz, é o dun “ajiaco” cultural, no cal a mestura dos seus compoñentes orixina un produto final, tal cal a crioulidade, traducido en cubanidade e que se viste de insularidade.


Agora ben, máis aló de estilos, técnicas ou pertenza a movementos artísticos, algo que se expón como un tronco común na arte cubana é a presenza da súa idiosincrasia. Unha idiosincrasia única e singular, que, aínda que atopa puntos en común con outras culturas, pon de manifesto quen somos e de onde vimos. E nesa procura por aqueles elementos que afianzan a relación cultural e histórica entre Cuba e España, a arte converteuse nun escenario onde palpar esas interconexións. Un legado que ata o día de hoxe transita e viaxa pola cosmogonía dos seus creadores.


Un dos trazos que sustentou a creación e a cultura galega foi precisamente o seu arraigado misticismo: as súas crenzas, os seus mitos, parte das súas tradicións que quedaron documentadas e que transcenderon á súa literatura, a súa música, a súa arte. Iso tamén o posúe a cultura cubana, por unha banda como parte dun legado, polos mitos e os ritos que foron levados á Illa por quen de Galicia e tantas outras rexións atoparon nesoutra terra o seu novo fogar, ou o seu sitio de tránsito; ou polos constantes intercambios artísticos e intelectuais que na Illa tiveron lugar. Así como por esa mestura que sustenta a identidade cubana, fundamentalmente aborixe, africana e española, que forxou unha noción mística para os insulares e que, máis aló dunha actividade espiritual, se concibe coma unha actitude perante a vida, unha maneira de vela e unha forma de vivila, arraigada ao propio ser.


As e os artistas que posúe a Colección de Arte Contemporánea Cubana Luciano Méndez Sánchez, expoñen coa súa imaxinería visual e conceptual, esa maneira individual, introspectiva e mística de entender a vida e entender a nación. Os seus temas erixen sentenzas, case refráns ocultos dunha cultura que nos seus códigos opera cunha sensibilidade inigualable para comprender e superar a existencia.


  • ONDE:

    Praza da Constitución s/n. Ferrol (A Coruña)

  • DATAS:

    21 SET 2023 a 5 XAN 2024

  • HORARIO:

    LUNS a VENRES | 17.00 a 20.30 h

    SÁBADOS | 11.00 a 14.00 e 17.00 a 19.00 h

    DOMINGOS e FESTIVOS | pechado

  • ENTRADA:

    Gratuíta

 

CATÁLOGO

Sueño de navegante. Colección de Arte Cubano Contemporáneo Luciano Méndez Sánchez (Afundación, Obra Social ABANCA, 2023)


                                  NOTICIA COMPLETA




No hay comentarios:

Publicar un comentario