jueves, 29 de octubre de 2020

ILUSTRACIÓN CONTEMPORÁNEA EN SANTIAGO

 


CROMÁTICA III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea en Santiago de Compostela



Abrimos as portas á nova Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea en Santiago de Compostela. Nesta terceira edición, multitude de mentes recoñecidas da creatividade nacional e de fóra das nosas fronteiras expoñen unha escolma das súas obras na Sede Afundación da Rúa do Vilar até o mes de febreiro. Esta terceira edición xira en torno á cor como elemento expresivo e sinal de identidade de diferentes culturas e tráenos moita diversidade de ópticas, moitas delas da man de artistas mulleres. Convidámosvos a pasear polas nosas salas, con todas as medidas de seguridade pertinentes, e encherse de arte colorista, intercultural, feminina, feminista e moi fresca. Así é CROMÁTICA, benvidas e benvidos... 

 

19 artistas: 8 internacionais: Agathe Sorlet, Petra Eriksson, Aka Corleone, Samya Arif, Margaux Carpentier, Tina Siuda, Diana Ejaita e Agustina Shuan. 5 nacionais: Conrad Roset, Coco Dávez, José A. Roda, Verónica Grech e Coco Escribano; e 6 galeg@s: David Méndez Alonso, Abi Castillo, Óscar Raña, Tayone, Héctor Pichel e Iris Branco.

 


COMISARIA MATILDE RODRÍGUEZ

 

Esta terceira edición xira en torno á cor. Así, combinaranse na exposición pezas de corte abstracto e estético onde a cor é o elemento primordial, xunto con outras en que a cor é un medio expresivo das emocións; ou pezas que teñen un forte compoñente étnico mediante a representación e reinvicación de diferentes culturas a través das cores do mundo. Destacaremos desta volta a creación feminina e do país, canda unha diversidade de procedencias con vocación internacionalista, en diálogo co que andamos a facer aquí. 

En xeral, as pezas de CROMÁTICA teñen como base da súa creación a ilustración, e presentan técnicas moi diferentes (videoxogo, guache, colaxe, cerámica, animación) onde a cor é fragmentada en múltiples significados, atendendo a conceptos culturais, estéticos ou emocionais. O concepto da cor, que alude na mostra a diferentes latitudes, culturas e razas, é un medio para reflexionar sobre a colectividade, mais con identidade propia, mediante escenas oníricas, abstractas, retratos, etc.

Moitas das olladas debúxanse en clave feminina, numerosas artistas mulleres participan nesta MiiC 3 e fano desde distintas procedencias. A nivel nacional, destacamos Coco Dávez, unha das novas promesas da arte contemporánea española, que bebe da arte pop e o novo realismo ilustrado. En febreiro de 2019 foi incluída na lista Under 30 de artistas máis influentes menores de 30 anos da revista internacional Forbes, sendo a única creadora española en aparecer. E o recoñecido Conrad Roset, co seu videoxogo GRIS, que apaña numerosos galardóns desde a súa saída. 

Outro destaque da mostra é o traballo de seis artistas de Galicia, entre quen subliñamos a obra do ilustrador e deseñador de moda David Méndez Alonso, que ademais de ter a súa propia marca colabora con firmas de todo o mundo coma Absolut, Adidas, H&M, Warner Music, Nike... e Abi Castillo, unha das artistas máis recoñecidas do momento, escollida por Inditex para integrar Women in Art canda outras dúas artistas internacionais.

 
Tamén participan artistas de peso con moita presenza nas redes coma Agathe Sorlet, con máis de 700 000 seguidores en Instagram, ou Conrad Roset con 300 000 seguidores en IG, un dos ilustradores de maior renome na actualidade, con obras que foron expostas en galerías e museos de todo o mundo, que ademais ten traballado para Disney, Heineken, Mango, Coca Cola, Nike, Adidas e un longo etcétera de firmas. Desta volta, el tráenos un novo formato, o de videoxogo con GRIS, de corte artístico que desde o seu lanzamento non parou de recibir premios a nivel mundial, coma o prestixioso premio de animación Annie, un Game Developers Choice Awards, dous Indie Developer Burger Awards e o premio Game Awards (os Óscar do videoxogo) na categoría Games of Impact. En 2020 levan máis dun millón de copias vendidas. Na mostra exporanse fragmentos audiovisuais e o libro de arte da súa creación.
 
 
APP MiiC3
Goza, ademais, da túa visita á exposición con esta guía interactiva para completares o percorrido na sala, con toda a información sobre os artistas, obras, etc. Irache amosando os puntos de interese grazas a un exclusivo sistema de xeolocalización que se activa co teu movemento. Tamén funciona como catálogo online xa que se pode acceder ao contido desde a casa.
En colaboración coa Xunta de Galicia.





No hay comentarios:

Publicar un comentario