A mirada de Castelao sobre Europa, no Museo de Pontevedra
O Diario 1921 de Castelao, escrito durante a súa viaxe por Europa, mostra un artista que participa do debate sobre a modernidade tentando que a Galiza non quede á marxe dos temas do seu tempo. O Museo de Pontevedra inaugurou unha exposición que recrea o itinerario físico e intelectual daquela viaxe.
O Museo de Pontevedra inaugurou a exposición Castelao en Europa. A viaxe de 1921 que, comisariada por Ángeles Tilve, responsábel de Coleccións do propio Museo, permite explorar o contido do "excepcional manuscrito orixinal".
Tomando o propio Diario como fío condutor, a mostra vai recreando o itinerario percorrido por Castelao, mostrando reproducións ampliadas dos 131 debuxos do manuscrito, ademais doutros documentos que permiten revivir a viaxe do rianxeiro desde diversos puntos de vista: cartas, tarxetas postais, fotografías, recortes e impresos intercalados no manuscrito... Ademais, poderase follear ver unha copia dixital do propio diario.
A Europa pola que viaxa é un fervedoiro de ideas e tendencias novidosas que estaban a cambiar por completo o mundo da creación cultural
Compre lembrar que é a época do jazz e o charlestón, do despegue do cinema como arte popular, da Bauhaus e da arquitectura racionalista, do dodecafonismo, do Ulysses de Joyce e de Na busca do tempo perdido de Proust... e tamén do comezo da emancipación feminina, da expansión das ideas da Revolución rusa e do fascismo, da República de Weimar, da Terceira Internacional e do fordismo.
O Diario 1921 é, especialmente, un rexistro comentado da arte que Castelao pode estudar durante a súa viaxe. A Europa pola que viaxa é un fervedoiro de ideas e tendencias novidosas que estaban a cambiar por completo o mundo da creación cultural: o impresionismo, o puntillismo, o cubismo, o futurismo, Dadá... As vangardas sucedíanse, colisionaban e pugnaban por ocupar un lugar preeminente no pensamento dun público que acababa de saír da Gran Guerra e que vía como o mundo se aceleraba e mudaba a un ritmo nunca antes experimentado.
E Castelao observa toda aquela efervescencia creativa con curiosidade e cun gran sentido crítico que lle indica por onde podería evoluír a modernidade na Galiza.
O cubismo non acaba de convencelo, aínda que, anota, “do Cubismo digo que me é simpática a intención intelectual”. Rexeita o dadaísmo. Séntese atraído por algúns artistas do futurismo. E queda seducido pola estética de raíz popular presente no orfismo, na vangarda rusa e, sobre todo, polo expresionismo e polo grupo formado arredor dos Ballets Rusos de Sergei Diagilev. Tamén cae rendido aos encantos da arte xaponesa, tan de moda no París daquela altura.
A pegada na súa obra
As pegadas desta viaxe na súa propia obra son numerosas: o exemplo máis coñecido é o das láminas da serie Cegos: os meus compañeiros, inspiradas no cadro de Brueghel o vello A parábola dos cegos, que estudou no Louvre. Mais tamén está a influencia da artista Käthe Kollwitz –unha pintora, gravadora e escultora alemá cuxas pinturas retrataban a dura vida do proletariado industrial das cidades alemás e dos traballadores do campo– nos albumes Galicia Mártir, Atila en Galiza e Milicianos; un debuxo de Natalia Gontcharova que toma como base para un anuncio do diario Galicia; ou a grande impresión que lle provoca o Teatro do Morcego (La Chauve-Souris) de Nikita Balieff, e que o impulsa a crear proxectos para un Teatro da Arte na Galiza. Aínda que a maior parte deses proxectos quedaron irrealizados, a influencia do Teatro do Morcego quedou patente en Os vellos non deben de namorarse.
A exposición do Museo de Pontevedra permite seguir estas pegadas expoñendo moitas pezas orixinais que son froito do aprendido e ideado en Europa, ademais de reproducións de obras destacadas que Castelao comenta e analiza por extenso no diario.
Son anos nos que a arte galega se pon á altura dos discursos europeo cunha xeración de artistas que foron quen de renovar a arte galega: Palacios, Bal y Gay Colmeiro, Maside, Luís Seoane.
A figura de Castelao e a renovación da arte galega na década de 1920
Castelao en Europa. A viaxe de 1921 permanecerá aberta ao público até o 23 de xaneiro e permitirá debruzarse sobre as influencias que Castelao recibiu das correntes europeas, que despois exercerían un importante papel na súa teoría e práctica artística e literaria. Son anos nos que a arte galega se pon á altura dos discursos europeo cunha xeración de artistas que foron quen de renovar a arte galega: Palacios, Bal y Gay Colmeiro, Maside, Luís Seoane.
No hay comentarios:
Publicar un comentario