domingo, 1 de diciembre de 2019

LUÍS SEOANE



O legado de Maruxa Seoane, no Museo de Belas Artes da Coruña



 O museo abre unha mostra estruturada en torno á colección, que inclúe 42 óleos do pintor Luis Seoane, ademais de 252 gravados e seis libros ilustrados

 

Detalle de tres obras de Luís Seoane

 

A importancia da muller na traxectoria creativa de Luís Seoane non conclúe na abondosa presenza feminina que mostra a súa obra. Un dos piares fundamentais da súa vida foi a súa esposa, Elvira Fernández (máis coñecida como Maruxa Seoane), cuxa vontade foi ademais clave para que o Museo de Belas Artes da Coruña posúa unha das máis interesantes coleccións de obras pertencentes a un dos máis grandes artistas galegos e un representante maior das vangardas históricas do século XX, «figura indiscutible do sentir cultural e político do exilio e a emigración galegos en Bos Aires e América», como lembra o museo.
 
O pintor Luís Seoane e a súa dona Maruxa Seoane
As pezas de Seoane chegaron a través da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes e por vontade da súa viúva, Maruxa, que dedicou xenerosamente o seu tempo e o seu esforzo ao fomento, conservación, retorno e difusión en Galicia do legado do seu home, que se compón de 42 óleos, 252 gravados soltos e en cartafoles e seis libros ilustrados.
 
Integrado na xeración de Os Novos, Luis Seoane (Buenos Aires, 1910-A Coruña, 1979) era o máis xove deste grupo de artistas galegos nacidos en torno a 1900 e que transformaron de maneira significativa a arte que se facía daquela no país, iniciando o camiño cara a modernidade, con Colmeiro, Maside e Arturo Souto á cabeza. Eles empregaban «unha temática e unha linguaxe galegas que levan a cultivar unhas formas con raíces na escultura popular do románico e do noso barroco. Formas plásticas que toman para si a esencia creativa do pobo», en palabra do propio Seoane.
 
Aproveitando que este ano a Real Academia Galega de Belas Artes lle dedicou o Día das Artes Galegas a Luis Seoane, pintor, deseñador, teórico da arte, creador, caricaturista, debuxante e figura esencial no Laboratorio de Formas de Galicia, o Museo de Belas Artes da Coruña inaugurou este xoves unha exposición sobre a vida e a obra do citado autor, poñendo énfase na persoa de Maruxa Seoane, como «promotora deste importante legado», que se expón na súa totalidade.
 
Partindo das pezas que integran a colección, onde se representa un amplo abanico de temas, técnicas e estilos, o relato expositivo, detalla o museo, achégase á obra do pintor, desde os 50 ata pouco antes da súa morte, en catro bloques temáticos imprescindibles no seu universo iconográfico: a muller galega, a natureza e a paisaxe, a guerra e a denuncia social, e os mitos, tradicións e lendas, que falan da existencia dun pasado cultural e unha iconografía propia.
 
 
(LA VOZ DE GALICIA)
 
 
 
Lugar:Museo de Bellas Artes de A Coruña
Inicio:28/11/2019 · 20:00
Final:8/3/2020 · 18:00
Precio:Gratuito
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario