miércoles, 9 de enero de 2019

ATENEO DE PONTEVEDRA



"ARTENEO"



Achégamosvos esta interesante iniciativa do ATENEO de Pontevedra por se é do voso interese.


Estimados Amigos/as do Ateneo de Pontevedra:
 

            Unha vez máis dende o compromiso que no Ateneo mantemos coas manifestacións artísticas e culturais dos creadores galegos poñemos en marcha unha nova iniciativa que leva por nome ARTENEO.

          ARTENEO é unha colección exclusiva de arte realizada por artistas galegos en colaboración co Ateneo de Pontevedra para os amigos/as do Ateneo.

            Cada artista é autor dunha ilustración reproducida da que faremos unha edición limitada de 100 exemplares, cada un deles numerado e asinado polo autor da obra.

            A reprodución que ofrecemos é de máxima calidade, en papel especial, cun tamaño de 22 por 32 cm, e entregarase conxuntamente cunha carpeta protectora na que figura unha fotografía e unha breve biografía artística do autor.

            Queremos subliñar que a colaboración dos artistas é desinteresada, polo tanto, o prezo de cada unha das obras (30 euros) non sería o que tería no mercado (o valor real é superior aos 100 euros), por tratarse dunha aportación especial ao Ateneo e aos amigosos/as da nosa institución. Tamén queremos subliñar que todos os fondos que se recaden iran destinados a manter a actividade cultural e artística que o Ateneo vén levando a cabo.

            ARTENEO é unha proposta que ten vocación coleccionista e pedagóxica; dalgún xeito anímanos a idea de achegar o talento dos artistas a un público culto que aprecia a arte e a posibilidade de iniciar unha colección de creadores en activo, en produción de obras.

            A solicitude e reserva das reproducións farémola por medio dunha comunicación coa persoa encargada da xestión de actos e publicidade do Ateneo, Carlos Fontes (cfuentesmoledo@yahoo.es e teléfono 669 428 188). A recollida da carpeta e o abono da mesma poderase realizar en cada actividade organizada polo Ateneo de Pontevedra. Tamén sería posible adquirila alí directamente.

            Por suposto, o criterio de adquisición é subxectivo e persoal. Queremos dicir que se pode adquirir unha, dúas, ou a colección enteira. Iso si, para que a iniciativa chegue ao maior número de persoas, limitarase a adquisición a dúas obras de cada artista por persoa. No caso de que non se vendan todos os exemplares volveremos facer un novo anuncio de reserva e adquisición. 

            Como xa se dixo, o prezo marcado para cada unha das obras é de 30 euros.             Agardamos que esta iniciativa sexa do vosos interese, nada máis que enviarvos un cordial saúdo.

  Xaime Toxo. Presidente do Ateneo de Pontevedra.
 

PRIMEIRA OBRA: ANTÓN PULIDO

 

 

Antón Pulido (Ourense, 1944) é, sen dúbida, un dos artistas máis importantes da Galicia actual. Realiza os estudos correspondentes á carreira de Belas Artes en Barcelona, desenvolvendo a partir de aí un extraordinario e dilatado maxisterio como profesor de Debuxo no Ensino Secundario ata a súa xubilación.

Excelente debuxante, pintor e gravador, é un artista dotado dunha técnica precisa e depurada.

Ten realizado numerosas mostras por todo o mundo, sería interminable citalas, só subliñar que as súas derradeiras exposicións tiveron lugar nas cidades de Shanghái, Pekín o Seúl.

É necesario remarcar que Antón Pulido, ademais de artista, é un home de múltiples facetas e tarefas. Ao logo da súa vida desenvolveu un gran traballo como xestor cultural que o levou a ser nomeado Director Xeral de Cultura da Xunta nos anos noventa. Tamén debemos destacar que foi o primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea, onde sentou as bases da contemporaneidade artística en Galicia.

Foi premio da Crítica de Galicia en Artes Plásticas e Visuais no ano 2014. No seguinte ano recibiu o prestixioso premio “Trasalba” ao labor de toda unha vida dedicada a arte.

Activista incansable de actividades culturais, divulgador imprescindible da arte galega, foi responsable editorial da magnífica Enciclopedia Artistas Galegos, catálogo en edición de luxo de pintores, escultores e arquitectos galegos.

Deseñador, ilustrador notable de portadas e revistas, muralista icónico e persoalísimo, unha mostra do seu traballo podémola admirar na Praza das Apertas en Vigo, espazo urbano que grazas á creación de Antón Pulido adquire a categoría de localización enchoupada de cor e alegría, un autentico “locus amoenus”.

De Antón debemos resaltar a súa bondade sen límites, una querencia pola amizade que transforma ás máis das veces en irmandade, facetas dunha humanidade que converten a Antón nun compañeiro imprescindible, admirado e sempre degoxado.

Á súa bonhomía acompaña unha entrega solidaria coas causas máis xustas, e necesarias de apoio, e adoito topámolo como un dos máis asiduos colaboradores nas mostras que multitude de ONGs organizan en Galicia.

Antón Pulido é un pintor de festivas “Kermesses”, onde harmoniza o ritmo, o xesto, a abstracción cun sentido orixinalísimo de uso da cor que lle concede ás súas obras unha identidade absolutamente persoal e recoñecible.

Con esta obra de Antón Pulido o Ateneo de Pontevedra inaugura unha serie de obras de arte firmadas e numeradas de grandes artistas galegos que teñen como obxectivo o apoio desinteresado para o desenvolvemento da cultura na nosa cidade.
  
 
 

 OUTRAS OBRAS DE ANTÓN PULIDO

 


 


 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario