CROMÁTICA III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea en Santiago de Compostela
Abrimos as portas á nova Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea en Santiago de Compostela. Nesta terceira edición, multitude de mentes recoñecidas da creatividade nacional e de fóra das nosas fronteiras expoñen unha escolma das súas obras na Sede Afundación da Rúa do Vilar até o mes de febreiro. Esta terceira edición xira en torno á cor como elemento expresivo e sinal de identidade de diferentes culturas e tráenos moita diversidade de ópticas, moitas delas da man de artistas mulleres. Convidámosvos a pasear polas nosas salas, con todas as medidas de seguridade pertinentes, e encherse de arte colorista, intercultural, feminina, feminista e moi fresca. Así é CROMÁTICA, benvidas e benvidos...
19 artistas: 8 internacionais: Agathe Sorlet, Petra Eriksson, Aka Corleone, Samya Arif, Margaux Carpentier, Tina Siuda, Diana Ejaita e Agustina Shuan. 5 nacionais: Conrad Roset, Coco Dávez, José A. Roda, Verónica Grech e Coco Escribano; e 6 galeg@s: David Méndez Alonso, Abi Castillo, Óscar Raña, Tayone, Héctor Pichel e Iris Branco.
COMISARIA MATILDE RODRÍGUEZ
Esta terceira edición xira en torno á cor. Así, combinaranse na exposición pezas de corte abstracto e estético onde a cor é o elemento primordial, xunto con outras en que a cor é un medio expresivo das emocións; ou pezas que teñen un forte compoñente étnico mediante a representación e reinvicación de diferentes culturas a través das cores do mundo. Destacaremos desta volta a creación feminina e do país, canda unha diversidade de procedencias con vocación internacionalista, en diálogo co que andamos a facer aquí.
En xeral, as pezas de CROMÁTICA teñen como base da súa creación a ilustración, e presentan técnicas moi diferentes (videoxogo, guache, colaxe, cerámica, animación) onde a cor é fragmentada en múltiples significados, atendendo a conceptos culturais, estéticos ou emocionais. O concepto da cor, que alude na mostra a diferentes latitudes, culturas e razas, é un medio para reflexionar sobre a colectividade, mais con identidade propia, mediante escenas oníricas, abstractas, retratos, etc.
Moitas das olladas debúxanse en clave feminina, numerosas artistas mulleres participan nesta MiiC 3 e fano desde distintas procedencias. A nivel nacional, destacamos Coco Dávez, unha das novas promesas da arte contemporánea española, que bebe da arte pop e o novo realismo ilustrado. En febreiro de 2019 foi incluída na lista Under 30 de artistas máis influentes menores de 30 anos da revista internacional Forbes, sendo a única creadora española en aparecer. E o recoñecido Conrad Roset, co seu videoxogo GRIS, que apaña numerosos galardóns desde a súa saída.
Outro destaque da mostra é o traballo de seis artistas de Galicia, entre quen subliñamos a obra do ilustrador e deseñador de moda David Méndez Alonso, que ademais de ter a súa propia marca colabora con firmas de todo o mundo coma Absolut, Adidas, H&M, Warner Music, Nike... e Abi Castillo, unha das artistas máis recoñecidas do momento, escollida por Inditex para integrar Women in Art canda outras dúas artistas internacionais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario