lunes, 22 de junio de 2026

FUNDACIÓN GRANELL ( SANTIAGO DE COMPOSTELA)

 

Vangarda, Revolución, Exilio interior

Masides: unha mostra na Fundación Granell

«Peixeiras» (Carlos Maside, 1928)

A Fundación Granell presenta unha exposición dedicada á obra de Carlos Maside e Xulio Maside, artistas de referencia na arte galega do pasado século. Arredor deles na mostra paira a presenza de Castelao, pois, como afirma a curadora María Esther Rodríguez Losada, Castelao é medida, modelo e mestre para ambos, como o é para unha parte esencial da arte galega. O proxecto ten un sentido moi reflexivo ligado aos procesos históricos. Castelao e Carlos Maside ocupan a primeira metade do século XX e viviron o contexto da monarquía, ditadura, república, Guerra Civil e o exilio. Xulio Maside, discípulo e sobriño de Carlos, completa o percorrido para a segunda metade do século.

Carlos Maside preséntasenos como unha figura decisiva na configuración da nova arte galega no período comprendido entre os anos vinte e a posguerra. A súa obra inicial parte do Castelao viñetista, mais acentuando o expresionismo, recibindo a influencia do expresionismo alemán, do gravado popular e da estampa xaponesa, referentes que están no ambiente pictórico do París que coñece en 1927. Cun forte compromiso socialista e galeguista e nun contexto social tan conflitivo como a Ditadura de Primo de Rivera e a II República, a arte de Maside atinxe obras de plenitude expresiva na ilustración. Ao mesmo tempo, desde as súas estampas de temas populares de finais dos anos vinte Maside inicia un rigoroso proceso de pescuda dunha imaxe caracteristicamente galega que supere o tópico costumista, crear un modelo estético plenamente moderno.

Durante os años que seguen á Guerra Civil, Maside traballa nun auténtico exilio interior, teimando no proxecto de trazar novos camiños na arte galega. As súas obras deste período manteñen o vigor de composición e a expresividade do debuxo, mais agora cunha exaltación da cor e da luz. Os camiños trazados polo artista, o rigor conceptual e formal como desenvolveu o seu labor -ben perceptíbel nas obras presentes na mostra- e unha rica cultura que se definía desde un compromiso social e unha intensa identificación co país caracterizan a obra e a personalidade dunha figura central do discurso estético da Galiza contemporánea.

Xulio Maside

Polo que respecta a Xulio Maside, cómpre lembramos que se forma en Santiago desde meniño co seu tío, vive en 1960 en Madrid, onde vai facer o servizo militar, regresa a Santiago de Compostela en 1961 e herda o obradoiro de Carlos Maside, que morrera en 1958. Remata despois a carreira de Medicina en Compostela e máis tarde reside en Barcelona, entre 1962 e 1966, onde se forma como anestesista, madura como pintor e gravador e trae consigo unha bagaxe formativa ben notábel.

A esta experiencia hai que unir a súa ligazón co contexto cultural galego coevo, a súa relación coa Xeración das Festas Minervais, as colaboración no xornal La Noche, a camaradaxe con artistas como Ventura Cores e a participación na creación de Estampa Popular Galega. Neste ambiente, preséntasenos sempre como un pintor de trazo firme e persoal que vai reclamar a liberdade do artista e a singularidade da súa visión creativa. Así e todo, a súa pintura aparece nun contexto definido e inserida nos dificultosos esforzos modernizadores na Galicia deses anos.

«Parella». / (Xulio Maside, 2005)

Que supera estas dificultades percíbese ao contemplarmos o seu traballo destes anos, eis as expresionistas –e beconianas– obras dos setenta. En pinturas como estas á intensa forza plástica hai que unir un certo desacougo que causa o seu tratamento da figura humana.

É evidente que a investigación plástica de Xulio Maside se fai en diálogo cunha tradición que é moi afín a certo clasicismo moderno, de ecos picassianos. Mergullado nestas procuras, escolma dela elementos significativos, perseguidos de xeito obsesivo, e cheos dunha intensa forza plástica. Desta tradición figurativa proceden as representacións femininas en danza ou as parellas. Porén, sérvese destes elementos para forzar a rosca, para escavar todo o pasado artístico, coa plena consciencia de que se fai parte del e para amosarnos non só a percepción máis vitalista da existencia, que acabará dominando na súa produción das últimas décadas, senón tamén as preocupacións sociais coherentemente inseridas nestes presupostos formais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario